Os dous localízanse no concello de Valdoviño, eminentemente turístico polo contorno no que se atopa, a só dous quilómetros de distancia entre un e outro aloxamento. Pertencen pois á comarca de Ferrol, extraordinaria no que a recursos naturais e culturais se refire. De feito están a medio camiño entre a costa e o interior. Por unha banda, ao pé do inmenso areal da Frouxeira e de Pantín, praias ideais para a práctica dos surf e outros deportes náuticos. Non en van o Pantín Classic, que se celebra todos os anos, é unha proba puntuable para o campionato mundial de surf.

Por outra banda, desde calquera dos dous aloxamentos temos a quince minutos en coche preciosas vilas mariñeiras como Cedeira, Mugardos, Ares... nas que degustar os deliciosos produtos do mar. Os que prefiran a montaña, poden gozar da proximidade da serra do Forgoselo, en cuxos montes ten lugar a tradicional “rapa das bestas” no mes de xullo, ou, a escasos 15 quilómetros, descubrir o Camiño e o Santuario de Santo André de Teixido, un dos centros de peregrinación máis importantes de Galicia, e onde se atopan os acantilados máis altos de Europa e unha vistas impresionantes sobre o océano. E a menos de 10 minutos localízase a cidade de Ferrol, unha xoia da Ilustración co barrio da Magdalena, declarado monumento histórico, cunha intensa vida cultural, espazos naturais protexidos e praias quilométricas ideais para os amantes dos deportes relacionados co mar.

Pechar